O BNG pobrense denuncia a escaseza de facultativos no ambulatorio

    POBRA> O BNG vén de denunciar a escaseza de facultativos no centro de saúde da localidade durante o verán. Trátase, segundo eles, dunha situación que se repite ano tras ano nesta época do ano, sen que se repoñen as prazas do persoal que está de vacacións ou de baixa. Un feito que, para os nacionalistas, supón un incremento considerable de pacientes para os médicos que están prestando servizo e unha baixa na calidade da atención. A situación é especialmente preocupante no caso dos nenos, ó existir tan só unha única praza de pediatra, polo que, cando este dispón de vacacións, as familias vense obrigadas a desprazarse fóra da localidade ou consultar co seu médico de familia. Para o BNG pobrense o caso do centro de saúde da localidade é un exemplo do deterioro que os gobernos do Partido Popular están introducindo cos seus recortes na sanidade pública. Ante esta situación os nacionalistas esixen, facéndose eco das preocupacións da propia cidadanía, que se dote ó dispensario pobrense do persoal necesario para cubrir as necesidades da poboación, tamén no verán.