Un libro recolle a historia mariñeira de Muros

    MUROS> A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, visitou a vila muradá para asistir á presentación do libro “Anaquiños da historia do concello de Muros”. A obra de Santiago Llovo rememora as vivencias acontecidas nas salgaduras e conserveiras do municipio.

    A antiga fábrica de Sel foi anfitrioa na presentación do libro “Anaquiños da historia do concello de Muros”. Moitos veciños e veciñas quixeron ser testemuñas deste acto, que da a coñecer as memorias de todo un pobo recollidas polo escritor Santiago Llovo Taboada. A obra, a través das súas 450 páxinas, narra a transformación da costa muradá desde principios do século XIX e recolle a información existente sobre os case 50 establecementos dedicados á salga e á fabricación de conservas de peixe. A conselleira eloxiou a creación de Santiago Llovo por facer “unha merecida homenaxe a uns homes e unhas mulleres que pasaron a súa vida dedicados ao mar e a súa industria”. A obra consta de seis capítulos, un por cada parroquia da costa que vai desde Esteiro a Louro. Ademais de falar da historia do medio centenar de conserveiras, salgaduras e alfolís que existían en Muros, hai liñas dedicadas as familias que dirixían estes establecementos, ós seus traballadores e ás embarcacións utilizadas. Para facer un traballo tan minucioso foi necesario chamar a moitas portas como nos explicou Caridad González. “Anaquiños da historia do concello de Muros” é a segunda obra de Santiago Llovo, xa que a primeira era dedicada á parroquia de Esteiro. Adiantouse na presentación que o escritor xa está traballando nunha nova creación, continuando a liña de recuperación do patrimonio mariñeiro.