Lousame acolle este vindeiro domingo a primeira das probas da Copa Galicia de Resistencia

NOIA> Esta mañá presentábase no salón de plenos noiés o Circuíto da Copa Galicia de  Resistencia de BTT, que entra este ano coma novidade no calendario autonómico baixo o amparo da Federación Galega de Ciclismo e organizada por varios clubs da zona.

O circuíto componse dun total de catro probas a desenvolver en Lousame, Boiro, Camariñas e Muros. A primeira delas xa este domingo 23 de xaneiro.

O circuíto pecharase o día 20 de febreiro no polígono industrial de Augalevada en Noia coa disputa do Campionato Galego de Resistencia.

As inscricións xa están abertas a través da web da propia Federación. A competición disputarase a modo individual e por parellas, tanto masculina coma feminina ou mixtas, nas categorías dende junior ata máster 60.