Vista para sentencia a presunta folga ilegal de Lantero

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/14/lantero1.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/14/xuizo_folga_ilegal_lantero.mp4{/flowplayer}


PONTEVEDRA> Visto para sentencia. Así quedou o xuízo interposto pola dirección da empresa Lantero contra os traballadores en folga pola suposta ilegalidade desta. O xulgado do social de Pontevedra escoitou durante máis de dúas horas a argumentación das partes e delibera agora se a convocatoria se axeita ós requisitos legais esixibles.

A dirección da cartoneira vilagarciá Lantero veuse hoxe as caras no xulgado con varios membros do comité de empresa, traballadores da mesma e algúns representantes sindicais. Foi no xuízo interposto pola empresa contra os folguistas por suposta folga ilegal. A cúpula de Lantero entende que a convocatoria tiña varios defectos de forma que fan que non se axuste ós requirimentos legais. Denunciaron que non houbera mediación antes da convocatoria e que cando se acordou converter a convocatoria en indefinida se tramitou nunha asemblea a man alzada sen as debidas garantías e mesmo con xente allea ó actual staff da empresa, por aquelas datas. Aseguran os empresarios que non se debe rexer a convocatoria en base ó disposto no convenio colectivo do sector das artes gráficas, posto que daquela prevalecía un laudo arbitral con forza de convenio. Amais, na sesión desta mañá,a acusación argumentou que o comité de empresa actuou con mala fé nesta convocatoria ó buscar facer o maior dano posible á compañía. Pola súa banda, os traballadores estiveron defendidos por tres letrados; a representante legal de Comisións Obreiras, o avogado da UXT e a avogada particular de Juan Manuel Pérez. En termos xerais, coincidiron en defender a legalidade da convocatoria de folga. A defensa entende que as formas foron as requeridas por lei. Segundo eles, foi o comité de empresa o que convocou a folga e non os traballadores en asemblea, e a notificación foi emitida con sete días de antelación. No tocante á mediación precisa, argumentan que ó acudir á mesma a empresa xa se cumpre o requirimento de que concorreran a ela as partes. Amais, entenden a situación xerada polo ERE proposto como excepcional e, por tanto, allea ó laudo arbitral vixente. Os traballadores en folga entenden que os que actúan con mala fé son os empresarios por ter contratado esquirois, nada máis comezar a folga e tal e como atestumuña un informe da inspección de traballo, e ó parapetar a fábrica con cans de presa e vixiantes de seguridade; preparándose para o conflicto no canto de traballar para evitalo. Así as cousas, a folga dos traballadores continúa á espera do que poida dictaminar a xuíza, agárdase que nun prazo aproximado de quince días.