Os concellos do Barbanza seguen coas medidas para evitar futuros contaxios

BARBANZA> Na comarca a situación é semellante á que se vive no resto do país. Os concellos seguen adoptando medidas para o seguimento do estado de alerta xerado polo COVID-19. Na maioría deles óptase por formulas de teletraballo e de flexibilidade horaria do seu persoal para evitar os contaxios.

A maioría dos concellos da zona comezaron xa o pasado venres a adoptar medidas de restrición fronte ó coronavirus. É o caso do peche de instalacións culturais e deportivas ou limitacións nos servizos municipais de atención ó público. Medidas todas elas que continúan a  implementar, principalmente de cara ó seu persoal, e evitar así posibles contaxios. A maioría delas gardan relación coa maneira de artellar fórmulas para o teletraballo e a flexibilidade horaria, a través da distribución de quendas, para garantir as distancias de seguridade.

A pé de rúa a situación é tamén de anormalidade. Rúas coma a de Galicia en Ribeira, a principal arteria comercial da cidade, atopábanse a media mañá, máis baleira do habitual. O mesmo acontece coa Avenida do Malecón, habitualmente ateigada de coches a esta hora, podía circularse con normalidade, e mesmo atopar, sen dificultade, un lugar no que estacionar. As únicas ringleiras de xente, ás portas dos supermercados e das farmacias, gardando a distancia de seguridade. É unha imaxe anormal, diferente a de calquera outro día, pero a que a partir de agora seguro que nos imos a ter que ir acostumando. Achegámonos tamén á praza de abastos. Alí a situación era de máis tranquilidade, diferente á vivida esta pasada fin de semana, na que o volume de xente e tamén de compras aumentou máis do habitual. 

Dende os concellos seguen a realizar chamamentos á colaboración e á responsabilidade., avogando porque a xente quede na casa, adoptando as medidas de protección e hixiene recomendadas polas autoridades para previr os contaxios.