A oposición á planta de compostaxe enche o salón de plenos de Pontevedra

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/02/pleno_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/02/pleno_pontevedra.mp4{/flowplayer} 

 

PONTEVEDRA> A futura planta de compostaxe de A Canicouva marcou o pleno de Pontevedra desta mañá. Xa ás portas do Teatro Principal, preto de 200 veciños da recentemente nada plataforma que se opón a esta instalación, recibiron entre pitos ao alcalde para demostrar o seu descontento. Os veciños ocuparon a sala para asistir ao pleno, no que só os voceiros popular e socialista fixeron referencia a este proxecto.

Os apupos marcaron hoxe a entrada ao pleno do alcalde de Pontevedra. Preto de douscentos veciños achegáronse ata o Teatro Principal para demostrar o seu rexeitamento da futura planta de compostaxe de A Canicouva.

Os veciños encheron o salón para asistir ao pleno. Eles non participaron na sesión, pero o voceiro popular aproveitou a súa primeira intervención para referirse á problemática.

A intervención de Moreira rematou cos aplausos do público. Así as cousas, o voceiro socialista sinalou que foi o seu grupo o único que se opuxo á planta dende o principio.

O que si se abordou no pleno foi o rexeitamento dun recurso á normativa dos crematorios. Aínda que por cuestións legais o punto foi aprobado por unanimidade, os grupos reviviron a polémica de hai uns meses nesta sesión, na que estiveron presentes membros da plataforma veciñal que rexeita esta iniciativa.

As alegacións contra a permanencia de ENCE na ría e as taxas de desemprego que rexistra a cidade, foron outros dos puntos que provocaron os maiores desencontros entre goberno e oposición, nun pleno no que xa se notou a proximidade das vindeiras eleccións municipais.