SAL racha co PP e oriéntase cara un cuadripartito

SANXENXO> Sanxenxo Agrupación Liberal rompe as negociacións co Partido Popular e inclina a gobernabilidade a un cuadripartito. Anunciábao o popular Telmo Martín apenas tres horas despois de que o candidato de SAL, Gonzalo Pita, lle comunicara a decisión por teléfono. A situación está aínda no aire e depende do que aconteza esta noite, porque ás 22.00 SAL ten fixada unha asemblea da que terá que saír o acordo: se liderar un goberno con PSOE, BNG e Sanxenxo Pode; ou rescatar o bipartito co PP. Decepcionado e sorprendido. Así comparecía esta mañá o alcaldable popular de Sanxenxo horas despois de recibir a chamada do candidato de SAL anunciándolle a ruptura das negociacións. Negociacións que, segundo Telmo, se foron consolidando en catro reunións con máis de 12 horas de duración nas que chegaron a configurar un pacto de goberno. Martín asegura que os programas das formacións son moi compatibles, e que incluso coincidiran nas condicións xenéricas que impuxera SAL para formar o bipartito: reducir nun 30% o custe do grupo de goberno e a recepción inmediata do polígono de Nantes. Con esta ruptura unilateral das negociacións, todo queda a expensas do que aconteza esta noite en Vilalonga, porque ás 22.00 SAL reúnese en asemblea para tomar a decisión final. O seu candidato Gonzalo Pita rexeitou facer hoxe declaracións a cámara sen coñecer o veredicto desta asemblea, pero na reunión de onte á noite con PSOE, Sanxenxo Pode e BNG rematou con ‘boas sensacións’. As opcións para Telmo Martín están claras. Martín insiste, o electorado mandou unha mensaxe ó PP de que había que cambiar ‘as cousas feitas nos últimos oito anos’. Pero se ten que quedar na oposición, asegura que aí seguirá a próxima lexislatura. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/09/TELMO3.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/09/PP_SANXENXO.mp4{/flowplayer}