‘A derradeira leición do mestre’ convértese na exposición máis visitada do Museo de Pontevedra

PONTEVEDRA> A un mes para o seu peche, máis de 17.400 persoas visitaron ‘A Derradeira leición do Mestre’ no Museo de Pontevedra. A mostra, que xira arredor desta obra insigne de Castelao, convértese na exposición temporal máis visitada da historia desta institución. Na conta atrás para a súa clausura, o presidente da Deputación anima á cidadanía a contemplar o cadro. Estará na cidade ata o día 27 deste mes, antes do seu regreso á Arxentina.

A histórica chegada da Derradeira leición do mestre a Pontevedra, deixa tamén cifras de récord no Museo. Nos dous meses que leva a obra de Castelao na cidade, o cadro foi contemplado por mais de 17.400 persoas. É xa a exposición temporal máis visitada da historia da institución.

Este mércores, na Deputación fixeron balance do verán no Museo de Pontevedra. O tirón da obra de Castelao está a contribuír a que este sexa o verán con máis afluencia, 25.350 persoas, dos últimos doce anos dos edificios Castelao e Sarmiento. Destaca o mes de agosto con 11.700 persoas e días con picos moi elevados.

E a un mes de que ‘A Derradeira leición do Mestre’ marche de volta para A Arxentina, o ritmo das visitas continúa. Agora tamén coa participación de centros educativos.

Luis López anima a cidadanía a que se achegue ao Museo porque, lembra, é unha oportinidade única.

A obra estará no Museo ata o 27 de setembro. Logo regresará ao Centro Galicia de Bos Aires.