Os traballadores de Elnosa non dan a loita por perdida

PONTEVEDRA> Elnosa volve á actualidade informativa. Esta mañá, os traballadores da factoría compareceron ante os medios, fartos das falsas acusacións que, aseguran, lanzan continuamente dende o concello de Pontevedra. Os traballadores de Elnosa volveron defender esta mañá a factoría e os seus postos de traballo. Están fartos das acusacións contra a fábrica que, aseguran , son infundadas. Comité de empresa e sindicato criticaron con dureza o posicionamento do BNG, ao que agora se sumou En Marea. Comisións Obreiras lamentou o fanatismo destas dúas formacións políticas. Sobre as conversas coa empresa, o comité asegurou que xa solicitou unha entrevista coa dirección para coñecer os plans. Ata o de agora, o día 11 de decembro teñen que abandonar a produción de cloro con mercurio. Polo de momento, Elnosa está á espera da resolución da Autorización Ambiental Integrada e da decisión de Costas de prorrogar, ou non, a súa presenza en Lourizán. O comité tamén aegurou que manterán as mobilizacións. De feito, a próxima será este mesmo mércores en Santiago de Compostela. O comité de empresa trasladarase ata as portas do Parlamento de Galicia, onde está previsto que o BNG presente unha pregunta parlamentaria sobre a continuidade de Elnosa.