A Festa da Ameixa de Campelo vende máis de 800 quilos de bivalvo na súa estrea como Festa de Interese Turístico de Galicia

POIO> A Festa da Ameixa de Campelo deste 2026 xa é histórica. A trixésimo oitava edición da cita celebrouse esta fin de semana que conseguiu bater todos os récords de vendas dende que hai rexistros informáticos. Durante tres días vendéronse nin máis nin menos que 800 quilos de ameixa. Unha cifra que só confirma o éxito dunha festa que ademais este ano estreou o selo de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Campelo recordará a trixésimo oitava edición da súa Festa da Ameixa con especial agarimo. Dunha banda, porque a cita deste 2026 foi a primeira como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Da outra, porque nestes tres días vendéronse 800 quilos de ameixa; a cifra máis alta dende que hai rexistros informáticos. Despacháronse preto de 5.000 racións de comida e bebida.

Ademais do aspecto gastronómico, outro dos puntos fortes da festa foi o momento do recoñecemento aos profesionais do sector marisqueiro que se xubilaron este ano. Nesta edición entregouse a Ameixa de Prata a 23 mariscadoras das confrarías de Raxó, San Telmo e Lourizán.

Tamén o venres coñecemos aos gañadores do Concurso de Fotografía da Festa da Ameixa. O primeiro premio foi para María José Fraga, pola obra Tres cunchas. Pola súa banda, o segundo e o terceiro recaeron en Alfonso López, por Cormorán vendo o atardecer dende o mar, e Irene Pazos, pola imaxe A cor da ría.