O centro Príncipe Felipe celebra 50 anos de traballo e 3.655 segundas oportunidades

PONTEVEDRA> O centro Príncipe Felipe cumpre 50 anos. Un aniversario que hoxe quixo conmemorar a Deputación de Pontevedra. Neste tempo, as súas instalacións foron o fogar de 3.655 persoas; moitas delas estiveron  presentes esta mañá no acto que se celebrou no auditorio José Manuel Pérez Matos, Portu. Tamén asistiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Medio século non se cumpre todos os días por iso a Deputación de Pontevedra celebrou hoxe por todo o alto os 50 anos de historia do centro Príncipe Felipe.

Fíxoo no auditorio que leva o nome de José Manuel Pérez Matos, Portu, antigo residente do centro e traballador da Deputación falecido hai pouco. Ao acto asistiron outras das 3.655 persoas que neste tempo viviron nestas instalacións. Tamén antigos traballadores.

Na súa intervención, o presidente da Deputación de Pontevedra garantiu o porvir de Príncipe Felipe. López puxo en valor o investimento de máis de 5 millóns de euros realizado polo seu goberno para reformar o centro infantil e o pavillón deportivo. Contía que se suma aos 16,6 millóns da súa partida orzamentaria neste 2026 para que o centro siga sendo unha referencia.

Para afondar máis na importancia deste servizo, tivo lugar unha emotiva mesa redonda na que conversaron dous antigos residentes do fogar: Maisa de Kelly e Jose Manuel García; xunto coa educadora do centro María Nieves Alonso e a exeducadora Margarita Martínez.

Na conmemoración deste medio século de historia, participou tamén o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

O presidente provincial quixo tamén recoñecer e agradecer o labor dos 226 traballadores de Príncipe Felipe, a pegada deste centro na cidade e a provincia e o legado de todas as nenas e nenos que neste tempo fixeron deste recinto dos montes de Mourente o seu fogar.