Varias zonas do Barbanza en alto risco pola elevada actividade incendiaria

    BARBANZA> Xa están marcha o dispositivo especial contra incendios. A comarca do Barbanza presenta numerosas zonas de alta actividade incendiaria polo que estará sometida a unha vixilancia especial. Dende as administracións apelan á colaboración veciñal para combater os lumes e conservar o monte. Co inicio da tempada estival arranca tamén o dispositivo especial contra incendios. A delegación territorial da Xunta na Coruña vén de poñer en marcha a comisión provincial de coordinación policial contra os incendios forestais, que estará operativa ata o trinta de setembro. Ademais das corpos e forzas de seguridade e ós efectivos contra incendios, este plan pretende implicar ás administracións e á sociedade en xeral, fomentando a prevención dos lumes. Neste sentido, incidirase na necesidade do mantemento das parcelas forestais a cargo dos propietarios para minimizar o risco de incendio. Tamén na colaboración veciñal alertando dos posibles focos de lume para garantir unha rápida intervención. O dispositivo terá maior incidencia nas zonas de especial vixilancia e nas parroquias de alta actividade incendiaria, entre as que figuran varias áreas do Barbanza. Boiro, Ribeira e Lousame son algúns dos concellos nos que se teñen rexistrado máis lumes nos últimos ano polo que tódalas actividades forestais estarán sometidas a un control exhaustivo.