O Xantar do Maior da Pobra reúne a máis de 750 persoas no pavillón de Venecia

A POBRA> Os maiores da Pobra viviron hoxe unha das citas máis agardadas no municipio. O Xantar de Confraternidade reuniu no pavillón de Venecia a máis de 750 persoas. Degustaron un menú servido por Chicolino e gozaron das actuacións musicais do grupo Trécola e Mar Davila Music.

Aforo completo un ano máis no pavillón de Venecia para celebrar a Xuntanza dos Maiores do concello da Pobra. Máis de 750 comensais déronse cita neste evento que vai moito máis alá dun simple xantar converténdose nunha xornada de confraternidade polo que moitos agardan todo o ano.

O menú, servido por Chicolino, estaba composto por dous mariscos, peixe e carne. E tralo xantar chegou a hora do baile que se prolongou ata ben tarde.

O acto contou coa presenza das autoridades locais así como da maior parte de alcaldes da comarca que quixeron sumarse a este evento en recoñecemento da aportación dos nosos maiores á sociedade.