Aprazado ao 11 de novembro o xuízo contra O Chicle polo crime de Diana Quer

SANTIAGO> Finalmente, non será mañá cando José Enrique Abuín, máis coñecido como O Chicle, sente na bancada dos acusados para responder polo crime de Diana Quer. Hoxe estaba prevista a formación do xurado popular, pero cuestións presentadas a última hora polos candidatos fixeron imposible constituílo. A vista quedou adiada ata o vindeiro 11 de novembro.

A expectación mediática deixábase notar dende primeira hora ás portas do xulgado de Santiago de Compostela. Hoxe estaba prevista a formación do xurado popular que se encargará de xulgar a José Enrique Abuín, máis coñecido como O Chicle, polo crime da moza Diana Quer. Pero ao redor das 11 da mañá, cando había pouco máis dunha hora que comezara o proceso, tivo que suspenderse ante a imposibilidade de conformar este órgano.

Todos quedaron emprazados para o vindeiro 11 de novembro. Esa xornada citaranse outras oito persoas para escoller entre eles os tres que faltan para completar os vinte necesarios, xa sen trámite de presentación previa de excusas pola falta de tempo. Tralo proceso de selección, o xurado estará composto por nove membros e dous suplentes.

Será o 12 de novembro cando O Chicle sentará na bancada dos acusados. Despois del, intervirán máis de cincuenta testemuñas e corenta peritos para intentar botar luz sobre o que sucedeu en agosto de 2016. Está previsto que o obxecto do veredito poida entregarse o 25 de novembro.

José Enrique Abuín podería enfrontarse á prisión permanente revisable. Segundo o Ministerio Público, asasinou con aleivosía e saña a Diana Quer, para despois agochar o seu corpo no pozo da nave de Asados durante case 500 días. Tamén que a moza foi agredida sexualmente. A acusación particular coincide con esta teoría. Na actualidade, O Chicle cumpre cinco anos de cadea por intentar violar unha moza de Boiro no Nadal de 2017. Este suceso foi o que desencadeou a súa detención como sospeitoso da desaparición de Diana Quer.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí