PORTO DO SON> A contrarreloxo de Portosín celebrada esta pasada fin de semana puxo o punto e final ó Cicuíto Bike Series 2019 que organiza a Asociación Arousa NeO. A vitoria final na proba e tamén na xeral do Circuíto foi para Roberto Fontán do Club Corbelo.
Os dous principais favoritos a levarse a vitoria final na clasificación xeral do Circuíto Bike Series 2019, Yago Breijo e Roberto Fontán, chegaban á Contrarreloxo de Portosín, con escasa marxe a favor do primeiro, apenas uns 24 segundos de diferenza. A proba sonense, a derradeira do Circuíto, ía decidir cal dos dous corredores se facía co trunfo e así foi. Roberto Fontán vencía na contrarreloxo, sacándolle unha diferenza de algo máis dun minuto a Yago Freijo, polo que ademais da vitoria na proba, facíase tamén co trunfo na xeral. A terceira praza foi para Óscar Sueiro, que tamén melloraba o tempo de Breijo na contrarreloxo.
Por equipos a vitoria foi para o Incor-Autovidrio, por diante de Os Saltamontes e do Club Ciclista Barbanza.
A proba deste domingo reuniu a un total de 80 corredores, unha cifra moi inferior á das dúas probas anteriores. Ainda así, dende a organización destacaron o bo desenvolvemento da carreira na que non se produciron incidentes de consideración e todo marchou sobre o previsto.
Dende Arousa NeO, coma entidade organizadora do Circuíto, quixeron destacar a colaboración de diversas entidades como é o caso da Asociación de Veciños de Carreira, o Club Sachacamiños ou a Comunidade de Montes de Postmarcos, así como tamén os concellos da Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son, e da empresa Sportbike, principal patrocinadora da carreira.