{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/16/atentados_paris.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/16/atentados_paris.mp4{/flowplayer}
PONTEVEDRA> Hoxe o silencio convertíase en sinónimo de repulsa polos atentados terroristas desta fin de semana en París que deixaban 129 mortos, entre eles un español, e máis de 350 feridos. En Pontevedra, tres concentracións case simultáneas unían a representantes políticos e funcionarios na Subdelegación do Goberno, a Deputación de Pontevedra e o Concello para dicir NON á barbarie.
Este mediodía ás portas da Subdelegación do Goberno gardábase un minuto de silencio en homenaxe ás vítimas do atentado deste venres en París á vez que se rexeitaba a lei do terror que se quixo impoñer con estes ataques terroristas.
Diante da Deputación de Pontevedra soou a marsellesa da man dun saxofonista co que tamén se quixo lembrar as 129 vítimas mortais entre as que se encontra un español.
O Concello de Pontevedra tamén quixo gardar un minuto de silencio diante da antiga casa consistorial para pedir que en ningunha parte do mundo se volvan a repetir sucesos como o de París.
Con respecto ao erro que daba por morto a un pontevedrés residente en Francia cuxo DNI apareceu presuntamente na sala Bataclán de París, tanto dende a Subdelegación do Goberno como dende o concello só quixeron amosar alegría polo desenlace da nova.
Pontevedra, ao igual que o resto de España, mantén un nivel de alerta de nivel catro e verá reforzada a seguridade na ponte internacional de Tui.