A Federación Galega pide a Mar que aparque a Lei de Acuicultura

    PORTO DO SON>A Federación Galega de Confrarías avoga pola retirada do borrador de lei de acuicultura ata chegar a acordo con tódolos sectores do mar. Así o plantexou o seu presidente, Tomás Fajardo, na xuntanza convocada pola Consellería para explicar os obxectivos do anteproxecto ós mariscadores de a pé. Foron moitas as confrarías que decidiron non asistir ou levantarse nada máis comezar a reunión convocada o luns pola Consellería do Mar, amosando así o seu rexeitamento á Lei de Acuicultura. O presidente da Federación Galega reitera a oposición do sector a un proxecto que cualifican de ambiguo e moi técnico polo que non cabe outra opción que a súa retirada. Mentres tanto, a mellor opción sería dialogar con tódolos sectores na busca dun proxecto consensuado e, de non chegar a acordo, deixar as cousas como están.