A EDAR de Ribeira contará cun innovador sistema de tratamento das augas

    RIBEIRA> Un ano despois do inicio das obras, a depuradora de Ribeira está case rematada. A Conselleira de Medio Ambiente tivo ocasión de comprobar o avance das obras na visita realizada este martes á EDAR de Couso. Estivo acompañada polo subdelegado do goberno na Coruña e a directora da sociedade estatal, Acuaes. A boa colaboración entre administracións fixo posible materializar este gran investimento para Ribeira que dará servizo ó centro urbano e ás parroquias de Aguiño e Castiñeiras. A nova EDAR, con capacidade para unha poboación de trinta e dous mil habitantes permitirá mellorar a calidade das augas na ría de Arousa, eliminando os vertidos grazas a un innovador sistema de tratamento das augas que inclúe decantación secundaria e terciaria e unha liña de fangos. A pesar da complexidade técnica da obra, que se complementa cun tanque de tormentas en Cerqueiras e un emisario submarino a vinte e sete metros de profundidade, está a ser acometida con gran celeridade. Dende o concello felicítanse pola próxima posta en marcha desta instalación tan necesaria para garantir a calidade das augas nun municipio que vive eminentemente da pesca e o marisqueo.