O SEPRONA investiga un presunto caso de maltrato animal en Boiro

    BOIRO> A denuncia polo mal estado no que se atopan unhas quince vacas dunha explotación particular en Abanqueiro partiu da asociación Vox Ánima. Unha pequena explotación gandeira existente na parroquia boirense de Abanqueiro está a ser investigada polo Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil por un presunto delito de maltrato animal. Ó parecer, na explotación e nunha parcela próxima, malvivían unhas quince vacas. As reses presentaban síntomas evidentes de malnutrición, non se lles daba alimento e tampouco se lles proporcionaba bebida, deixándoas tamén atadas durante longos períodos. A denuncia foi realizada pola asociación protectora de animais Vox Ánima, recollendo tamén as propias queixas de veciños da zona. A Asociación está á espera de que o xulgado de Ribeira, que é quen instrúe o caso, autorice o traslado do gando, comisado cautelarmente dende a fin de semana, a un santuario. O caso de Boiro súmase a outros dous casos máis similares que saltaron á luz pública esta pasada fin de semana en Friol e Chantada. Dende a Xunta considérase que se trata de casos illados, que nada teñen que ver coa crise de prezos do leite galego. Dende a consellería de Medio Rural emitiuse ademais un comunicado no que se lamenta profundamente o sucedido e se fai un chamamento á responsabilidade dos titulares das explotacións e á sociedade en xeral para perseguir estes tipo de comportamentos reprobables, ó considerar que o maltrato animal está absolutamente inxustificado en todos os ámbitos. O propietario do gando enfróntase a un posible denuncia de maltrato animal que podería mesmo carrexar pena de cárcere.