A empresa Verdes de Galicia entrega ó Concello de Lousame a recreación dun muro antigo

LOUSAME> A decoración, un muro antigo cunha colmea datada de 1943 e unha cepa de viña, formou parte do stand de Galicia en Fitur que resultou premiado nesta edición. Parte da decoración do stand de Galicia en Fitur que resultou premiado na edición deste ano foi elaborado por unha empresa de Lousame, concretamente Verdes de Galicia. Eles encargáronse da realización de varios xardíns verticais naturais de musgos, hedras e fieitos que chamaron a atención dos visitantes e da organización da feira. Razón pola que decidiron concederlle o premio ó mellor stand deste ano. Precisamente representantes da empresa cederon parte do decorado que levaron á feira internacional de Turismo de Madrid ó Concello, nun acto no que tamén participou a alcaldesa, Teresa Villaverde, quen agradeceu a entrega. Trátase dunha construción composta por un muro con pedra e musgos naturais e unha cepa de viña e unha colmea de sobreira natural. A doazón quedou instalada no exterior da casa da cultura. A firma radicada en Béxeres dedícase á realización de decorados vexetais e tamén á súa produción, traballando por todo o ámbito nacional.