O wifi gratuíto de alta velocidade chega a Cambados

    CAMBADOS> Cambados goza xa de rede wifi pública e gratuíta. A vila estrea estes días este novo servizo, que chega para ofrecelo aos milleiros de persoas que pasarán polo concello a vindeira semana durante a Festa do Albariño. Iso si, dende a Mancomunidade e o goberno local xa explicaron que non é algo temporal, e que chega para quedarse. O centro de Cambados xa goza dunha rede wifi pública, gratuíta e de alta velocidade. Mancomunidade do Salnés e concello traballaron de xeito conxunto para poder ofrecer este servizo, que chega unha semana antes da Festa do Albariño. A idea naceu durante a visita que realizaron a finais de xuño á cidade alemá de Kiel. Pouco máis dun mes despois, Cambados xa conta con esta instalación, que requeriu da colaboración entre as dúas administracións. A Mancomunidade encargarase de cubrir os custos do servizo, que ademais chega para quedarse. Dende Cambados queren que se faga chegar ás parroquias, e a intención do órgano comarcal é levalo a todos os concellos. Paralelamente, o concello vén de conceder unha licenza a unha empresa para instalar fibra óptica no centro de Cambados. Na presentación, José Ramón Abal tamén informou de que o vindeiro 7 de agosto volverase reunir a comisión de seguemento da Cidade Europea do Viño, para valorar as actividades realizadas no mes de xullo, principalmente o Enobús.