‘A Maré’ de Lito Portela, en Martín Códax

CAMBADOS> Un verán máis, Martín Códax convértese nunha pequena galería de arte. A adega acolle nas súas instalacións a exposición A Maré, do artista cangués Lito Portela. Unha mostra deseñada especialmente para as instalacións cambadesas, e que xira ao redor do mar. Dende as instalacións de Martín Códax en Vilariño, as vistas son privilexiadas. Esta paisaxe namorou ao artista cangués Lito Portela, que aceptou a proposta de converter a adega nunha galería para a súa obra. Baixo o título de ‘A Maré’, as pezas que compoñen a mostra evocan o mundo do mar e a busca do que este deixa nas praias ao baixar a marea. Algo que tamén fai que para Martín Códax acoller esta exposición sexa algo especial. Os primeiros elementos apóianse no exterior da adega. Son as pezas que compoñen “Esperpentos”, unha deformación da realidade que tamén fala da mentira. Xa no interior o visitante atoparase con “Mariscadoras”, unha composición composta por unha trintena de figuras que representan este oficio tan propio das rías galegas. A exposición estará aberta ao público durante todo o mes de agosto. Ademais de poder gozar dela, os visitantes interesados poderán mercar algunha das pezas.