O concello cree que ENCE está “despilfarrado” a auga do río Lérez

Pontevedra> O concello de Pontevedra deixa de utilizar auga do Pontilllón ao constatar un incremento significativo do caudal do Lérez. Dende o Concello atribúen este incremento á empresa a Ence que, segundo Raimundo González, decidiu cortar o subministro tralas últimas novas vencelladas co abastecemento da auga. O Concello constatou na tarde de onte un incremento significativo do caudal do río Lérez, unha variación detectada apenas 48 horas despois de que o concelleiro anunciase que o baixo nivel do río pola seca obrigaba a tirar da reserva do Pontillón do Castro para garantir o abastecemento. Segundo os datos recollidos o caudal medio pasou de 1,9 metros cúbicos por segundo a 3,10. Raimundo González cree que a empresa ENCE é a causante deste cambio. Dende o concello dixeron que teñen constancia de que onte pola mañá estivo persoal de Auguas de Galicia en torno a estación de bombeo e viron a situación do río. Raimundo González di que todo apunta a que houbo comunicación entre eles. Dende ENCE pola súa banda din que a captación de auga dende a factoría foi a mesma que noutras ocasións e que a variación do cauce non garda relación co Centro de Operacións desta empresa.