Primeira xornada de folga das traballadoras da cociña do QuirónSalud para reclamar mellores condicións laborais

PONTEVEDRA> Primeira xornada de folga das traballadoras do servizo de cociña do hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra. O cadro de persoal concentrouse hoxe ás portas do centro ante o temor de que a empresa concesionaria realice recortes nun servizo que, aseguran, xa están a ofrecer con menos recursos dos que serían necesarios.

Cunha concentración ás portas do hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra comezaron a súa primeira xornada de folga as traballadoras do servizo de cociña. Denuncian as súas condicións laborais. Aseguran que actualmente hai persoal de baixa e de vacacións polo que son insuficientes.

Hai dous anos que asumiu o servizo a empresa Servicio, Personas y Salud, pertencente ao Grupo Quirón. Dende entón, implantáronse cambios na xestión da cociña que dificultan moitas veces a xestión dos menús especiais.

O pasado xoves mantiveron un encontro coa empresa para buscar unha solución e evitar a folga. Pero a reunión rematou sen acordo.

Dende o cadro de persoal temen, ademais, que a empresa aplique políticas de redución de persoal. Así, manterán polo de momento o seu calendario de mobilizacións. Volverán facer folga os martes 17 e 24 de xuño e o 1 de xullo.