A Deputación de Pontevedra aposta polo turismo deportivo na súa campaña para 2026

PONTEVEDRA> Pontevedra como provincia do deporte é a imaxe que este ano protagonizará a campaña de promoción turística da Deputación. Hoxe a administración provincial presentou a proposta para este 2026 que será a que leve á Feira Internacional de Turismo de Madrid, ‘A túa meta, o teu destino’. Nela saca peito do potencial deportivo da provincia, tanto do seu sector como do seu territorio.

O turismo deportivo é o eixo da campaña promocional da Deputación de Pontevedra para este 2026.

Chámase ‘A túa meta, o teu destino’ e céntrase en amosar toda a provincia como un auténtico polideportivo ao aire libre. Nel, tanto profesionais como afeccionados poden practicar calquera tipo de deporte durante todo o ano.

Nun acto conducido pola actriz Marta Larralde, López presentou o destino Rías Baixas como unha carreira na que hai unha saída, un percorrido, unha data, un equipo, participantes inscritos e unha organización.

López apuntou que as Rías Baixas rexistra cada ano dous millóns de visitantes, reafirmando o peso dun sector turístico que supón xa o 14% do PIB da provincia. E destacou o papel da Deputación como dinamizador dun turismo que ten no deporte unha oportunidade para un crecemento sustentable, descentralizado e desestacionalizado.

No escenario coincidiron a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, e a presidenta do club de ximnasia rítima Maniotas, Paula García. Tamén o deputado de Turismo e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia. Cesáreo Pardal apuntou que o turismo deportivo xera 8.600 millóns de euros en España.

Así, a Deputación de Pontevedra estrea por segundo ano consecutivo a campaña de Turismo Rías Baixas na provincia. A seguinte cita será a vindeira semana na Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur.