Outes chora a morte de Carlos López Crespo

OUTES> Outes espertaba esta mañá cunha tráxica nova: o falecemento do seu exalcalde, quen dende hai meses loitaba contra unha grave enfermidade. Na nova causou unha gran consternación. A pesar de que moitos xa coñecían da súa grave enfermidade dende hai bastante tempo, o anuncio da súa morte foi recibido polos seus veciños con gran tristura e dor, ó tratarse dunha persoa moi querida na localidade. Carlos López Crespo deixaba a alcaldía outense un 25 de agosto de 2016, despois de 21 anos, entre 1995 e 2016, para formar parte da candidatura do Partido Popular ás eleccións autonómicas ó Parlamento de Galicia, no que resultou elixido coma número once pola provincia da Coruña e do que formaba parte, coma deputado, sendo ademais o portavoz de Pesca. Tomaba daquela o seu relevo á fronte do Concello a súa número dous e man dereita, a actual alcaldesa, Beatriz Molinos, quen esta mañá tiña palabras emotivas para o que fora o seu mentor político e amigo. De carácter afable e eterno sorriso, o político outense será enterrado mañá martes, a partir das sete, no cemiterio parroquial de San Pedro de Outes, lugar no que se celebrará tamén o seu funeral.