VILAGARCIA> Vilagarcía anuncia a compra da Casa dos Duques de Terranova para convertela nunha residencia ou centro de día. O alcalde confirma que hai un acordo xa pechado coa familia deste inmoble. Vai ser adquirido por 1,3 millóns de euros, cantidade lixeiramente por riba das previsións do goberno local.
Logo de meses de negociacións, xa é oficial. O concello de Vilagarcía faise coa Casa dos Duques de Terranova.
O alcalde confirmou que o concello chegou a un acordo coa familia.
O acordo pechouse por 1,3 millóns de euros, unha cantidade lixeiramente por riba das previsións iniciais. Ravella tiña reservada unha partida de 1,2 millóns dentro dun préstamo global de 4,1 millóns de euros para varios investimentos. Unha operación aprobada en pleno cos votos do PSOE, BNG e EU e a negativa do PP.
Agora haberá que levar unha modificación de crédito ao pleno municipal, para axustar as partidas. A operación non supón só a compra da coñecida como Casa das 1000 ventás. A compra inclúe a parcela de 33.000 metros cadrados, unha superficie tres veces o parque do Castriño.
O obxectivo desta operación é lograr que aquí se constrúa unha residencia de maiores ou centro de día. Lembra o alcalde que a compra da parcela era un paso fundamental.
Agora toca petar na porta da Xunta, administración competente. Avanza Varela que levará o asunto a unha próxima reunión coa Conselleira de Política Social.
O que está por ver é como se desenvolvería ese proxecto, coa construción dun novo edificio ou o aproveitamento da actual casa. O rexedor deixa en mans dos técnicos esa parte do proxecto, avanzando -iso si- que haberá que acometer o antes posible obras de consolidación da vivenda.











