A auga e a vexetación son os protagonistas da renovada praza de Galicia, en Vilagarcía

VILAGARCÍA> Vilagarcía conta os días para estrea-la súa renovada praza de Galicia. O proxecto supuxo a peonalización da zona e a súa reconversión nun espazo para o paseo e o lecer. O asfalto e os coches foron mudados por vexetación e pola auga, que neste proxecto ten un papel protagonista.

Desta imaxe da antiga praza de Galicia, a esta pasaron tan só catro meses. Nese tempo, o centro de Vilagarcía viviu unha auténtica revolución, que arrancou coa supresión do tráfico rodado e que agora culmina coa humanización da zona. Onde antes había coches, agora hai espazos  verdes. Precisamente, o proxecto arquitectónico que se atopa detrás desta remodelación busca, en parte, volver ó pasado, á cerna da antiga Vilagarcía.

E é que a auga é a gran protagonista da renovación do espazo. O curso fluvial comeza en Padre Feijóo, para –paseniñamente- atravesa-la praza e Rey Daviña, a antiga rúa do río. Unha pequena chiscadela á Vilagarcía antiga que agora emerxe rodeada de árbores e flores. Co proxecto tamén se levou a cabo unha actuación para tentar solventa-los problemas de enchentes na zona. Para o concello, a remodelación cumpriu e mesmo superou as expectativas.

Os traballos rematarán a comezos de xuño. O proxecto, que foi licitado en 350.000 euros, custou menos do previsto. Foi adxudicado en 181.000 euros.