Gafas de simulación para concienciar dos perigos do alcol ó volante

PONTEVEDRA> Como medida para concienciar ós condutores sobre o risco que supón coller o coche baixo os efectos do alcol, as autoescolas empregan unhas gafas especiais que simulan a visión dunha persoa borracha. Actividades sinxelas, coma camiñar en liña recta ou meter a chave no contacto, convértense en probas difíciles de superar.

Cando estamos baixo os efectos do alcol a nosa percepción altérase, diminuíndo a nosa capacidade para realizar tarefas sinxelas. Para concienciar sobre estas alteracións e o perigo que supón conducir borracho, nas autoescolas utilizan unhas gafas especiais.

As alteracións na visión provocan que os tempos de reacción sexan máis lentos e empeora o equilibrio. Tamén se ve afectada a capacidade de cálculo da distancia, velocidade e profundidade. Na autoescola Chaves levan uns catro anos empregando as gafas de simulación da borracheira.

Con estas gafas, os alumnos comproban de maneira práctica o que lles repiten unha e outra vez sobre os efectos do alcol na condución.

É unha maneira máis de reforzar as campañas de concienciación realizadas pola Dirección Xeral de Tráfico, xa que aínda que se empeza a tomar conciencia dos riscos, a porcentaxe de alcoholemias segue aumentado cada ano. A práctica destínase tanto a futuros condutores coma a aqueles que teñen que recuperar os puntos.

As gafas de simulación foron repartidas polo Concello a autoescolas da cidade que colaboran co programa “Cambio de Sentido”, dentro do Plan Municipal de Condutas Adictivas.