Estas son as novas restricións que afectan ao Concello de Pontevedra

PONTEVEDRA> Sanidade estende ao Concello de Pontevedra as restricións de aforo. A Xunta reduce ao 75% a capacidade das terrazas e ao 50% a dos establecementos comerciais. Ademais, as xuntanzas quedan limitadas a 10 persoas neste municipio e establécese o uso obrigatorio de máscaras nos ximnasios de toda Galicia.

O presidente da Xunta de Galicia participou hoxe nunha nova reunión co comité clínico de expertos sanitarios. Tras o encontro, Alberto Núñez Feijóo anunciou a decisión de estender ao Concello de Pontevedra as restricións de aforos. Unhas medidas que xa estaban implantadas en municipios como o de Santiago ou Ourense.

Ademais de establecer o uso obrigatorio de máscaras nos ximnasios de toda Galicia, Sanidade reduce ao 75% a capacidade das terrazas no municipio pontevedrés. Por outra banda, ás xuntanzas, tanto privadas como na vía pública, quedan limitadas a 10 persoas.

Ademais, a capacidade dos establecementos comerciais, tanto de restauración como de hostalería, queda limitada ao 50%. Algo que tamén se estende as bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado. O consumo en barra queda tamén completamente prohibido.

Por último, redúcense os aforos en celebracións, velorios e lugares de culto e pechan os centros de día e residencias. Todas estas medidas foron tomadas polo incremento de contaxios rexistrado nas últimas semanas.

Así e todo, o Sergas seguen sen ofrecer os datos de casos activos por Concellos e aínda non aclarou se estas restricións afectarán ao inicio do curso escolar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí