PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia presentou esta mañá en Pontevedra a 13ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural. Esta iniciativa, que favorece a desestacionalización e a descentralización dos fluxos turísticos, levarase a cabo entre o 13 de setembro e o 15 de decembro. Entre as novidades deste ano destaca o “Outono Plus”.
86 establecementos participarán este ano na 13ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural. Deles, 22 son da provincia de Pontevedra. Esta actividade, impulsada pola Xunta de Galicia, desenvolverase do 13 de setembro ao 15 de decembro. Ao longo destes 3 meses, os negocios participantes ofrecerán diversos menús elaborados con produtos galegos de temporada. Os prezos destes paquetes gastronómicos van dende os 30 ata os 300 euros.
Como novidade este ano, a Xunta de Galicia creou o “Outono Plus”. Unha iniciativa coa que se pretende agasallar a todos os participantes desta edición con actividades complementarias.
O conselleiro de Turismo quixo destacar esta mañá os datos rexistrados ata esta edición. En total, dende que empezara este “Outono Gastronómico”, preto de 65.000 persoas decidiron achegarse a algún dos establecementos adheridos, conseguindo xerar un volume de facturación de 4 millóns de euros. O que demostra o éxito desta iniciativa, tanto para o público como para os locais participantes.