A Deputación de Pontevedra recorre ao cómic para reivindicar a figura de Florencio Delgado

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra adiantouse ao Día das Letras Galegas. A administración provincial celebrou onte o seu acto central para conmemorar esta xornada. Unha cita na que se reivindicou a Florencio Delgado Gurrirarán como exemplo da loita polo país e a lingua. Tamén se presentaron as actividades que impulsa a Deputación para recordar a este autor, como a edición de dúas obras dedicadas á súa figura.

O vindeiro 17 de maio é o Día das Letras Galegas. Este ano a xornada está dedicada a Florencio Delgado Gurriarán. Un autor ao que onte se rendeu homenaxe na Deputación de Pontevedra.

A cita foi o acto central do programa deseñado pola Deputación para este día. Afondouse na figura de Delgado Gurriarán dende distintos eidos: a música, a investigación, a crítica literaria, a tradución e o cómic.

Kiko da Silva e o seu ‘Garaxe Hermético’ asinan un destes traballos. A Deputación encargou a edición dun cómic sobre Florencio Delgado destino á xente nova. Tamén un libro de Polo Correo do Vento para a cativada.

Ademais, o goberno provincial programou espectáculos en 35 concellos da provincia e adquiriu libros do autor para repartir entre as bibliotecas municipais e os centros de ensino.

No marco do acto celebrouse unha mesa redonda conducida pola xornalista Silvana Moril con diferentes profesionais coñecedores da figura de Delgado Gurriarán. Tamén actuou a cantautora Sheila Patricia, encargada de achegar a visión musical sobre este autor ao que se consagran as Letras Galegas deste 2022.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí