PONTEVEDRA> A praza da Castaña terá un novo aspecto moi pronto. Como parte da reforma da rúa Cruz Vermella e o seu entorno, desmontouse o xardín elevado que ocupaba case todo o espazo e que dende a súa instalación provocou o rexeitamento dos veciños.
Dez anos despois da súa instalación, o xardín da Praza da Castaña xa non está. O desmonte da estrutura, moi criticada polos veciños dende sempre, xa está completado.
Unha vez retirada, os traballos completaranse coa pavimentación do recinto para crear unha praza ó mesmo nivel. Nos laterais manteranse as vías de servizo e acceso ós garaxes dos edificios que circundan a praza. Plantarase unha árbore no centro e colocaranse novos bancos. Con esta reforma recupérase o espazo para os veciños.
A reforma da praza da Castaña é unha das melloras asociadas á contratación das obras da rúa Cruz Vermella e o seu entorno. O conxunto debería estar rematado neste primeiro trimestre de 2019.