O Supremo deixa vía libre á apertura de crematorios no casco urbano

PONTEVEDRA> A normativa municipal para a regulación da instalación de crematorios en Pontevedra ven de ser anulada definitivamente polo Tribunal Supremo. Lembremos que a modificación puntual do PXOM para frear a instalación de crematorios no casco urbano foi no seu momento anulada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A sentenza foi recorrida polo Concello ante o Supremo, que vén de inadmitir o recurso.

No 2014 había en Pontevedra ata 5 crematorios en marcha, polo que o Concello optou por modificar o PXOM para establecer criterios máis restritivos. A norma municipal estableceu unha franxa mínima de 50 metros con respecto ás vivendas. A plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste, que se opón á construción dun crematorio na Parda levou o tema ó xulgado para esixir a ampliación da distancia a 500 metros. En 2017 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou sentenza anulando a normativa municipal, polo que se volvía á situación anterior. Naquela sentenza, aludíase á falla dun Estudio de Impacto Ambiental.

O concello recorreu ó Supremo en xaneiro do 2018. Coa providencia ditada agora polo Alto Tribunal inadmitindo este recurso, a día de hoxe podería construírse un crematorio en calquera punto da cidade, incluso ó lado de vivendas.

Os servizos técnicos do Concello terán que estudar agora a maneira de evitar a proliferación deste tipo de instalacións no casco urbano.