Os veciños de Bandourrío seguen a demandar melloras no barrio

RIBEIRA> Tras numerosas reunións e reiteradas demandas da asociación de veciños de Bandourrío, semella que o concello de Ribeira dará finalmente cumprimento a algún dos compromisos adquiridos para a mellora deste barrio. O mal estado das rúas que conforman esta zona provocou a pasada semana a caída dunha veciña. Dende hai tempo que os residentes viñan alertando da existencia destes riscos dada a falla de mantemento do pavimento.

Pero esta non é a única queixa do colectivo veciñal que xa en numerosas ocasións ten transmitido ó concello os problemas relacionados coa accesibilidade, a limpeza, a seguridade e o vandalismo.

O mal estado do parque infantil de Pedra Pateira tamén é motivo do malestar veciñal. A instalación conta con varios elementos rotos ou danados, incluído o peche perimetral, cos consecuentes perigos para os nenos.