A activación do ‘Eagle Eye’ trae a Barbanza a máis de dous mil militares

BARBANZA> Durante toda esta semana, máis de dous mil efectivos dos Exércitos de Terra, Aire e a Armada despregaranse nas comarcas do Barbanza e Muros-Noia no marco dunhas manobras militares que se centrarán na contorna da base do Escuadrón de Vixilancia Aérea Número 10, situada no monte Iroite.

Aínda que podería parecelo, non entramos en ningún conflito bélico con outro país. Iso si, a chegada á comarca do Barbanza de máis de dous mil militares procedentes dos tres exércitos levantou unha gran expectación na zona.

Nos próximos días está prevista a realización dunha serie de incidencias simuladas, que obrigarán a executar misións defensivas, pensadas para un adestramento adicional do seu persoal e a posibilidade de avaliar o traballo dos medios terrestres, navais e aéreos que se asigna ó Mando Operativo Aeroespacial, que é o órgano encargado de poñer en marcha estas tarefas.

Esta actividade corresponde coa activación do denominado ‘Eagle Eye’, cuxo fin é contribuír e asegurar a integración e a eficiencia do Sistema de Defensa Aeroespacial Nacional.

Así que se oen algún que outro avión de combate F-18 ou artillería antiaérea, non se asusten. Tampouco o fagan se ven na entrada da Ría a fragata Almirante Juan de Borbón. Pensen só que se trata de manobras. Simplemente manobras. A guerra polo de agora segue lonxe.