Ramona Maneiro pide que se reabra o debate sobre a legalización da eutanasia

BARBANZA> O caso de Ángel Hernández, o home que axudou a semana pasada a morrer a súa muller María José Carrasco, en fase terminal de esclerose múltiple, volveu por na palestra a Ramona Maneiro. Esta mañá a boirense ofreceu unha multitudinaria rolda de prensa para trasladar o seu apoio a Ángel, cuxo caso lle recorda moito ó seu, cando axudou tamén a morrer o tetrapléxico sonense Ramón Sampedro.

Desbordada. Así sinalou sentirse Ramona Maneiro a pasada semana debido ao aluvión de chamadas que recibiu de numerosos medios de comunicación tanto nacionais coma internacionais. Foron eles os que lle falaron do caso de Ángel Hernández e o da súa dona. Un caso que reabre novamente o tema da legalización da eutanasia e que lle recorda moito ó seu, pois foi ela a que axudou hai 21 anos a morrer tamén o tetrapléxico sonense Ramón Sampedro. Dende aquela apenas houbo avances neste tema

Na rolda de prensa, que levantou unha gran expectación mediática, Ramona Maneiro tivo palabras de apoio para Ángel, xa que segundo ela, é moi duro ter que axudar a morrer a un ser querido.

Ante a pregunta de se o volvería a facer 21 anos despois, di non sabelo. Sen arrepentimentos e tamén sen feridas por todo o vivido, pretende continuar coa súa vida normal, coa súa familia e cos seus netos, alonxada do panorama mediático. Aínda así espera que agora, co caso de Ángel, se removan conciencias e o tema da legalización da eutanasia regrese a axenda política, se tomen decisións ó respecto, para que aquelas persoas que desexen morrer dignamente o poidan facer.