Recibimento multitudinario no Concello ao remeiro Caetano Horta

NOIA> O Concello acollía a recepción oficial ó deportista Caetano Horta, logo do seu quinto posto no Campionato Mundial Júnior de Remo celebrado recentemente en Tokio. O alcalde, Santiago Freire, e a concelleira de Deportes, Laura Salgado, destacaron a importancia deste logro, agradecéndolle o feito de dar a coñecer ó municipio e tamén ó deporte noiés por todo o mundo. Ademais da entrega dunha placa conmemorativa e  asinar no Libro de Honra do Concello, o mozo deportista foi tamén convidado a saír  ó balcón da casa consistorial para saudar a tódalas persoas que se achegaron a este acto para amosarlle o seu apoio, non só amigos e familiares, senón tamén veciños en xeral. Na fachada do Concello colgaba tamén unha pancarta na que podía lerse ‘Parabéns, Caetano Horta. O noso campión’.