Os candidatos socialistas ó Congreso fan un repaso dos investimentos do goberno no Barbanza

O PORTO DO SON> A cabeza de lista do PSOE pola provincia da Coruña desprazouse ata a comarca do Barbanza para manter un encontro cos tres representantes da bisbarra que forman parte da candidatura. Na xuntanza repasaron algúns dos investimentos realizados polo goberno central en concellos como Ribeira, O Porto do Son e Rianxo ó longo dos últimos anos.

Obdulia Taboadela desprazouse ata o paseo de Seráns, no límite entre os concello de Ribeira e O Porto do Son para manter un encontro cos candidatos da comarca que forman parte da lista electoral pola provincia da Coruña ó Congreso. Destaca o peso barbanzán nesta candidatura coa ribeirense Ana Alvite no número 3, o sonense Jorge Romero no número 4 e Tamara García de Rianxo e sétima posición.

Na comparecencia destacaron algunhas das actuacións desenvolvidas polo goberno central na comarca como a mellora da conservación ambiental do areal de Seráns, a dotación de numerosas infraestruturas públicas en Ribeira ou a retirada do espigón do porto rianxeiro de Taragoña, entre outras.

Dende a candidatura socialista agardan seguir contando co apoio maioritario da cidadanía para dar continuidade ó proxecto iniciado hai oito anos co obxectivo de seguir mellorando as instalacións e servizos na comarca.