O PORTO DO SON> O BNG denuncia a falla de investimentos na comarca de Muros-Noia previstos nos orzamentos da Xunta. Presentarán un paquete de emendas por valor de máis de 13 millóns de euros reclamando fondos para vivenda, educación e saneamento da ría.
Tras analizar os orzamentos da Xunta para 2027, o BNG alerta da falla de investimento na comarca de Muros Noia con concellos, como o de Muros, ós que non se destina ningunha partida específica. Pola contra, aparecen partidas recorrentes que xa figuraban en anteriores exercicios e continúan sen executar.
Ante esta situación presentarán un paquete de emendas divididas en tres grandes áreas. Na primeira, relativa á dotación de vivenda pública, demandan que o plan previsto para os anos 2028 e 2029 se execute xa no vindeiro exercicio.
En materia educativa demandan melloras en centros educativos como o CEIP de Xuño, no Porto do Son, o colexio e o instituto de Outes, o colexio de Louro en Muros ou o CPI Cernadas de Castro de Lousame. Estas actuacións sumarían investimentos por máis dun millón de euros.
Outro dos eixos sobre os que xiran as demandas dos nacionalistas é o saneamento da ría, principal motor económico da comarca, polo que inclúen proxectos en tódolos municipios cun investimento próximo ós tres millóns de euros.











