A Xunta pon en valor o labor dos gandeiros na preservación das razas autóctonas

LOUSAME> A delegada da Xunta na provincia da Coruña visitou esta mañá unha explotación gandeira de raza vianesa en Lousame que vén de ser recoñecida nos premios ExceRazas convocados pola Xunta. Ademais da preservación xenética das razas a través da cría, Belén do Campo puxo en valor a contribución dos gandeiros á dinamización do medio rural.

María del Carmen del Río Fernández e o seu home levan máis de 15 anos criando exemplares de raza bovina autóctona vienesa na súa explotación de Fontefría, en Lousame. A súa dedicación e bo facer fíxolles merecedores dun recoñecemento na categoría ‘Legado e Vigor’ dos primeiros premios ExceRazas que convoca a Xunta de Galicia.

A delegada territorial na provincia quixo achegarse ata a instalación para felicitar ós propietarios e lembrar as liñas de axudas que teñen á súa disposición para seguir preservando as razas autóctonas ó tempo que dinamizan o rural coa súa actividade económica.

Tamén se desprazou ata o lugar o presidente da Federación de Razas Autóctonas de Galicia BOAGA quen agradeceu a aposta da Xunta pola conservación, desenvolvemento e aproveiotamento sostible das razas autóctonas a través dun convenio coa entidade vixente ta finais de 2027.