Boiro acollerá o Campionato Galego de piragüismo

BOIRO> Centos de canoas e kayaks tinguirán de cores as augas do Náutico Marina Cabo de Cruz, coincidindo co Campionato Galego de Promoción. Será este domingo día 13 a partir das catro e media da tarde.

Directivos do Náutico Boiro Piragüismo Rías Baixas, o presidente do Náutico Marina Cabo de Cruz e o alcalde de Boiro participaron na presentación do Campionato Galego de Promoción. Neste evento daranse cita máis de 500 palistas infantís do panorama galego. A organización agradécelle, á federación, a confianza depositada na entidade boirense para executar novamente esta regata. Ademais da meteoroloxía, que este ano tamén se prevé magnífica, foron moi loadas as instalacións do náutico boirense. Os participantes da anterior edición quedaron abraiados cos servizos deste espazo recreativo. O alcalde de Boiro mostrou o seu empeño en seguir colaborando cos deportes de base, en especial cos náuticos que teñen tanto peso dentro do municipio. Neste último ano, o club veuse beneficiado de 22.000 euros aportados polas arcas municipais. Tamén hai que sumar, por parte da Deputación da Coruña, unha subvención de 10.000 euros para unha furgoneta. Xoán Xosé Dieste quixo resaltar estes apoios, pero tamen eloxiou o traballo desenvolvido dentro do Náutico Boiro Piragüismo Rías Baixas, que trae tantos recoñecementos para a vila de Boiro. Ós máis de 500 deportistas hai que sumarlles as familias acompañantes que visitarán esta vila da comarca do Barbanza. Tendo en conta este factor, o alcalde expresou a necesidade de seguir apostando por este tipo de campionatos que reportan máis turismo para Boiro e por tanto un impulso para a súa economía.