NOIA> A xunta de goberno local aprobou por unanimidade a concesión da licenza para o novo centro de saúde de Noia cun investimento próximo ós 10 millóns de euros.
O Concello completa así a tramitación municipal para avanzar na construción desta infraestrutura tan necesaria para o municipio.
O proxecto contempla a construción dun inmoble con planta baixa e catro andares, emprazado nunha parcela do Bulevar dos Tamara.
A licenza establece un prazo de seis meses para o inicio das obras e tres anos para a súa finalización.
Dende o goberno municipal quixeron destacar a axilidade dos servizos municipais de Urbanismo para resolver o expediente en apenas 15 días dende a presentación complementaria por parte do Sergas.
Trala aprobación da licenza, a pelota está agora no tellado da Xunta que deberá presentar o proxecto de execución e completar a documentación técnica requirida para o inicio das obras.











