NOIA> Iago Fernández vén de conseguir a medalla de bronce no Campionato do Mundo de Xadrez sub 17. Este mozo noiés partía no posto 22 do ránking inicial. A súa constancia e temperanza á hora de preparar as partidas xogaron ó seu favor e tras un inicio máis modesto conseguiu ir ascendendo na clasificación ata meterse no podio.
Ós seus 17 anos, Iago Fernández vén de marcar un fito na súa traxectoria como xadrecista. O mozo noiés que milita no Club Deportivo Marquiño, alzouse co terceiro posto do Campionato do Mundo Sub 17 celebrado hai unhas semanas na localidade almeriense de Roquetas do Mar.
Tal foi a progresión que Iago mesmo chegou a estar por momentoS á cabeza nunha última rolda de vertixe na que a súa sorte dependía xa non só de el senón do que fixeran os seus rivais. Finalmente, o campionato acabou cun triplo empate a oito puntos e medio que outorgou a terceira posición ó noiés.
Iago iniciouse neste deporte con tan só oito anos. Daquela xa apuntaba maneiras cun enorme talento que foi perfeccionado co paso dos ano ata converterse no terceiro mellor xogador do mundo na súa categoría. Tras este trunfo ábrense paso novos retos como acadar o título de Mestre Internacional para o que xa obtivo a primeira norma.
A nivel competitivo a próxima gran cita serán os Mundiais Sub 18 de Rápidas que terán lugar o próximo ano tamén en Roquetas de Mar e, dos que seguro, Iago voltará cun novo trofeo no seu palmarés.










