Os comerciantes pontevedreses únense para fomentar o consumo nos negocios locais

PONTEVEDRA> Na capital da provincia, os comerciantes únense para superar esta crise sanitaria e económica. 250 autónomos e empresarios da cidade forman parte da campaña “Yo compro en el comercio de Pontevedra”. Unha iniciativa que naceu a finais de marzo co obxectivo de fomentar os negocios locais.

A declaración do estado de alarma provocou o peche de numerosos comercios en todo o territorio nacional. En Pontevedra, moitos autónomos e empresarios víronse obrigados a baixar o enreixado dos seus establecementos. Un feito que avivou a preocupación entre todos eles. Nese momento moitos decidiron buscar novas alternativas e solucións e por iso naceu a iniciativa “#YocomproenelcomerciodePontevedra”. Unha campaña impulsada nas redes sociais e na que se pretende fomentar o consumo no comercio local.

Natalia Orbán foi a encargada de poñer en marcha esta iniciativa pero esta empresaria pronto conseguiu o apoio dos pontevedreses. Actualmente forman parte desta campaña máis de 250 autónomos da cidade e nas redes sociais o seu perfil conta con case 1.000 seguidores.

Na campaña hai negocios de todos os sectores. Dende hostalería e alimentación ata farmacias, comercios de moda ou tendas de produtos para mascotas como esta. Dende que comezou o estado de alarma, este establecemento puido manter abertas as súas portas. Sen embargo, a súa actividade viuse completamente alterada.

Co obxectivo de atender a toda a cidadanía e coa vista posta xa na nova normalidade, o comercio local reforza as súas medidas de hixiene.

Pero para poder chegar a esa nova normalidade e facer fronte ás perdas económicas destas semanas, os empresarios da cidade precisan da axuda de todos os pontevedreses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí