A reforma da estrada vella de Marín comezará por Estribela no 2023

PONTEVEDRA> Iníciase o proceso de licitación das obras da PO-546, máis coñecida como estrada vella de Marín. A conselleira de Infraestruturas fixo o anuncio dende o barrio de Estribela, no punto no que vai comezar a transformación desta zona. As empresas interesadas terán ata o 17 de agosto para presentar as súas ofertas. A inicio é que as obras comecen a finais deste ano ou principios do 2023.

Avanzan os trámites para dar comezo á reforma da estrada vella de Marín. Hoxe a Conselleira de Infraestruturas anunciou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle xa o inicio da licitación.

A primeira fase actuará en 500 metros da PO-546 e conta cun orzamento de máis de 947 mil euros. O obxectivo é dar maior seguridade á veciñanza e garantir desprazamentos seguros.

O punto de inicio das obras será no barrio de Estribela. Aquí se modificará a sección transversal para ampliar as beirarrúas e dotalas dun ancho mínimo de 2 metros. O vial manterá o dobre sentido e incluirá tres pasos de peóns sobre elevados.

A intención é que os traballos comecen a finais deste ano ou principios do 2023. Contan cun prazo de execución de doce meses.

Dende a Xunta aseguran que a intervención ten vocación de continuidade. Así, a intención é actuar nos vindeiros anos en toda a estrada entre Marín e Pontevedra. O proxecto total conta cun orzamento de 7 millóns de euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí