Víctor Senra faise coa 36 edición do Ralli Berberecho de Noia

NOIA> O piloto de Dumbria Víctor Senra adxudicouse con total merecemento a 36 edición do Ralli Berberecho de Noia. A carreira, valedoira para o Campionato Galego de Asfalto, era a segunda proba puntuable do ano despois da celebrada na Coruña. E non defradou.

Despois de dous anos sen disputarse a consecuencia da pandemia había moitas ganas de ‘ralli’, polo que os afeccionados ateigaron xa dende primeiras horas da mañá os diferentes tramos polos que discorría a proba para ver os pilotos e o ruxido das rodas e o motor.

O bo tempo durante toda a fin de semana foi tamén un motivo máis para achegarse.

A competición estivo dominada de principio a fin polos principais favoritos. A ausencia de Iván Ares, vencedor na Coruña, deixaba a Víctor Senra e Alberto Meira coma principais favoritos a levarse a vitoria. E así foi. O de Dumbría co seu Skoda Fabia R5, conseguía o trunfo na proba, seguido a tan só 11 segundos por Alberto Meira que pelexou ata o último minuto.

No terceiro posto quedaba Alberto Nimo co seu Polo GTI R5.

En canto ós vencedores no resto de categorías destacar a vitoria de Álvaro Castro na Copa Volante FGA, e a de Alberto Pérez que se facía coa Copa Pirelli AMF.

A organización, a cargo da Escudaría Berberecho, como vén sendo costume, volveu a estar de dez, cunha especial atención nas medidas de seguridade tanto para pilotos como para afeccionados. Dos 115 pilotos inscritos, producíronse 24 abandonos. A maioría deles por avarías nos vehículos e algunha que outra saída.

A nota negativa, o accidente grave que se producía na mañá do sábado no tramo de Outes, no que o piloto local Pedro Castro e o seu copiloto Álvaro Vila tiveron que ser excarcerados polos equipos de emerxencia ó quedar atrapados no seu vehículo despois de caer por un barranco.

Os dous tiveron que ser trasladados ó hospital clínico de Santiago, onde se recuperan das diferentes lesións, aínda que a súa vida non corre perigo.

A próxima cita do Campionato Galego de Asfalto será o vindeiro mes de maio co Ralli da Mariña Lucense.