Enfado en Pontevedra tras dar luz verde a Xunta ao proxecto de Adif para soterrar os pasos a nivel dos Praceres

PONTEVEDRA> Luz verde da Xunta de Galicia á proposta de ADIF para eliminar os pasos a nivel do trazado do tren ao seu paso polos Praceres. O proxecto pasa pola creación de tres pasos soterrados así como a instalación de paneis para bloquear o paso a nivel. Dende o concello de Pontevedra insisten en rexeitar o proxecto que, aseguran, corta en dous a parroquia.

A proposta de Adif para eliminar os pasos a nivel do trazado do tren ao Porto de Marín ao seu paso polos Praceres conta xa co visto bo da Xunta de Galicia. Pero segue sen gustar no concello de Pontevedra.

A través de Adif, o Ministerio de Transportes propón suprimir os pasos a nivel creando tres pasos soterrados na zona dos Praceres para vehículos e peóns. Tamén se instalarían paneis de policarbonato para bloquear por completo o paso a nivel.

No seu lugar, o concello de Pontevedra insiste na súa proposta, que pasaría por modificar o trazado cara o exterior da praza ou, de ter que soterrar algo, que se fixera coa vía do tren.

Dende o concello quixeron trasladar o seu apoio á veciñanza. Ademais, agardan que dende o Ministerio atendan as alegacións presentadas polo goberno local e modifiquen a súa proposta.