A Deputación da Coruña crea 44 catro prazas para refuxiados ucraínos na residencia do IES Rosalía Mera

CORUÑA> O organismo provincial asinará un convenio de colaboración con Cruz Vermella, que posibilitará, que esta última entidade, se encargue da xestión temporal do espazo, realizando tamén un programa de intervención e inserción integral.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá as instalacións do IES Rosalía Mera que foron recentemente adaptadas pola institución provincial para poder acoller a un total de 44 refuxiados da guerra de Ucraína.

Na súa visita o presidente provincial estivo acompañado polas deputadas de Benestar Social e Educación, Ana Lamas e Sandra González, respectivamente, e da presidenta de Cruz Vermella na Coruña, Mercedes Casanova, entidade coa que se formalizará un convenio para que se faga cargo da xestión temporal deste espazo de acollida.

González Formoso explicou que a residencia estudantil do IES Rosalía de Mera está dotada con tódolos equipamentos necesarios para este proceso de acollida. Conta cun total de 22 habitacións con baño individual, con capacidade para 44 persoas, ofertándose tamén a cobertura de necesidades básicas como a alimentación, lavandería, mobiliario ou conexión a Internet, entre outros servizos.

A Deputación da Coruña xa conta con experiencias previas neste eido. Na década dos 90, durante o conflito dos Balcáns, colaborou co Goberno Central tamén nun programa de acollida de refuxiados bosnios.