‘La bola negra’ encabeza os nomeamentos aos Feroz 2027, que volverán entregarse en Pontevedra

PONTEVEDRA> Penélope Cruz, Javier Bardem, Los Javis, Rodrigo Sorogoyen ou Guitarricadelafuente poderían visitar Pontevedra no mes de xaneiro. Todos figuran entre os nomeados aos Premios Feroz 2027. Por terceiro ano consecutivo, o Recinto Feiral da cidade acollerá a gala de entrega dos galardóns, que se celebra o 23 ce xaneiro. Hoxe dende o centro Maruxa Mallo anunciáronse os nomeados. Unha listaxe que encabezan La bola negra, con dez candidaturas, e as series El Castillo e Ravalear, con seis.

Xa coñecemos os nomes dos candidatos a facerse con algún dos Premios Feroz que se entregarán en Pontevedra o vindeiro 23 de xaneiro. Entre as películas destacan La Bola Negra, de Javier Calvo e Javier Ambrossi que acumula dez nomeamentos, seguida por El ser querido, de Rodrigo Sorogoyen, con sete. No eido das series, son El Castillo e Ravalear, con seis cada unha; Cochinas e Se tiene que morir mucha gente, acumulan cinco.

Estas candidaturas poderían traer ata a cidade a rostros ben coñecidos do audiovisual español, como Javier Bardem, Penélope Cruz, Los Javis ou Aitana Sánchez-Gijón. Os nomeamentos déronse a coñecer hoxe dende o centro Maruxa Mallo. As encargadas foron a xornalista e presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España, Elena Sánchez, e a actriz galega Cristina Castaño.

Testemuñas do anuncio dos nomeamentos foron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os concelleiros de Cultura e de Promoción da Cidade, Demetrio Gómez e Anabel Gulías.

Tralos anuncios de hoxe, queda por coñecer os candidatos ás categorías dos premios Arrebato de Ficción e Non Ficción, que se farán públicos o 16 de decembro. En canto ao Feroz de Honra, recaerá en Maruja Torres. Todos os premios entregaranse na gala do 23 de xaneiro que estará conducida polo actor Secun de la Rosa.